
O trío galego publicou unha versión de ‘O meu amor’, unha das cancións máis populares dun grupo pioneiro
O Días das Letras Galegas deste 2025, que se conmemora este 17 de maio, recoñece o labor das cantareiras na difusión do idioma. O grupo Leilía foi pioneiro e referente do folclore galego. Desde a súa formación a finais da década de 1980 foron abrindo camiño e poñendo en valor a tradición ao rescatar a música das pandeireteiras.
Grazas as cantareiras, xurdiron grupos como Tanxugueiras. O trío integrado por Aida Tarrío e as irmás Sabela e Olaia Maneiro aproveitou este 17 de maio para publicar unha versión de ‘O meu amor’, unha das cancións máis populares de Leilía.
Deste xeito Tanxugueiras decidiu felicitar o Día das Letras Galegas. No tema as súas voces son as protagonistas. Sen deixar de lado a tradición, incorporaron ritmos electrónicos para darlle o toque de actualidad e homenaxear a Leilía. «Grazas por ser a porta de entrada cara as nosas antergas para moitas de nós», apuntaban nas súas redes sociais.
O trío galego sinala que esta versión está dedicada «a todas aquelas mulleres que gardaron nas súas gorxas o eco das letras e melodías, sementando nelas a memoria que hoxe nos constrúe». Unha reivindicación máis da importancia da tradición galega no eido musical. Ademais, publicaron esta versión acompañada dun vídeo sinxelo e íntimo no que as tres están unidas polos seus cabelos.
