Xoán Fórneas: «Estou traballando nun EP, experimentando e sentíndome libre»

Xoán Fórneas acudiu como convidado aos Premios Feroz 2026
Xoán Fórneas acudiu como convidado aos Premios Feroz 2026. // Foto: Gonzalo.raw

O actor e cantante fálanos do seu novo proxecto musical e das series ‘Respira’ e ‘Ágata y Lola’, que se vai estrear este ano

Xoán Fórneas acaba de debutar no mundo da música coa publicación de ‘Ferido’, o seu primeiro sinxelo, baixo o nome artístico de O Xoán. Este supón o inicio dunha nova etapa profesional do actor e agora tamén cantante. Nesta entrevista adianta que haberá concertos nos que presentará as súas cancións e que lanzará un EP este 2026.

Coñecido polo seu papel de Quique na serie ‘Respira’ de Netflix, que vai camiño da terceira temporada, vén de ser nominado nos Premios Mestre Mateo 2026 a Mellor Interpretación Masculina Protagonista por meterse na pel de Castelao en ‘Antes de Nós’. Ademais, opta tamén a levarse o galardón de Mellor Videoclip por ‘Ferido’.

Aproveitando o seu paso por Pontevedra con motivo dos Premios Feroz, falamos con Xoán Fórneas para coñecer detalles do seu novo proxecto musical, o que lle gustaría que ocorrera co seu personaxe en ‘Respira’ e a estrea este ano da serie ‘Ágata y Lola’.

Entrevista a Xoán Fórneas

Hai pouco que lanzaches o teu proxecto musical. En que momento decides dar ese paso?

A decisión tomeina o ano pasado. Desde que nacín teño esa inquedanza e esas ganas de expresarme a través da música pero a vida deume máis visibilidade no campo da actuación, ainda que o fun combinando tamén coa música en certas funcións de teatro. Levaba tempo querendo facelo e a decisión tomeina a primeiros do ano pasado cando empecei a compoñer ‘Ferido’ e dixen “creo que esta canción é a canción que me representa neste momento e coa que quero saír ao mundo presentándome como artista musical”.

Houbo algo máis concreto que te levase a dicir “agora é o momento”? 

‘Ferido’ parte dunha situación persoal de desamor, a composición nace de ahí e elixín ese momento porque o sentín así. Moitas veces neste traballo tes que seguir os teus impulsos. É un risco que tes que correr e polo de agora está saíndo francamente ben, estou moi contento. Tamén era unha maneira de expoñerme e ao mellor podía non saír tan ben. Foi nun momento no que pensei máis no que me apetecía facer como artista que no que podería repercutir no meu día a día, digamos.

Como foi ese proceso de composición e tamén de gravación de ‘Ferido’? 

Xa tiña máis temas compostos que están por aí na recámara pero ‘Ferido’ quizás foi collendo máis forza nese momento. Eu empecei na miña casa escribindo a letra. Aínda o outro día atopei no móvil unha nota de voz coas primeiras melodías da canción. Foi así, unha melodía que me viña á cabeza, sobre todo a do retrouso. Despois, vas como tratando de expresarte, escribir cousas máis ou menos reais. Tamén o que veño aprendendo do mundo do cine, da interpretación, é que non necesitas expoñerte con vivencias persoais porque ao final do que se trata é de ir a unha historia concreta coa que poidas empatizar ti e que poida chegar a xente que escoita.

A aposta que fas por cantar en galego pensas que che pecha portas? 

Non o creo, podería ser que si, non o sei. Moitas veces visto desde fóra é como que estamos aquí os galegos un pouco apartados. Hai como certa condescendencia desde un punto de vista cultural. Vivimos nunha sociedade galega que é mártir, como diría Castelao, un fenómeno de diglosia onde o castelán sigue imperando por riba do galego. A nosa lingua, a nosa cultura está en perigo de extinción. Penso que os artistas temos a misión e o compromiso de que o idioma siga vivo. É un acto político tamén. É a lingua que falo na miña casa e o meu idioma, e é igual que os demais, non é mellor nin peor.

Ves a situación da música en galego mellor agora que hai uns anos? 

Si. De un tempo a esta parte hai como un fenómeno cultural máis forte, quizás porque as novas xeracións estanse achegando á música galega ou tradicional. Eu desde hai anos vivo fóra polo meu traballo e cada vez que veño foime sorprendendo como ese movemento cultural musical foi collendo cada vez máis forza. Tamén penso que ten que ver con que grandes artistas deran o paso de levar o galego por estandarte.

Cales son as túas intencións na música? 

Agora mesmo explorar e sentirme libre de compartir os meus pensamentos e as músicas e as melodías que me gustan coa xente que as escoita. Estou traballando nun EP para este ano, creo que non será disco, pero tamén penso nese disco a futuro. Agora mesmo estou experimentando, probando, lanzando, sentíndome libre de facelo e desfrutando moito.

As cancións do EP vanse parecer a ‘Ferido’? 

Pode ser que algunha si, pero voume deixando levar. Gústanme todo tipo de xéneros e de músicas entón vou ir probando e experimentando, pero si vai haber máis temas na liña de ‘Ferido’.

Nalgúns programas presentaches a canción en directo. Tes pensado dar un concerto? 

Pois hai varias datas que se están pechando, penso que pronto poderemos anunciar a primeira delas, que vai ser neste primeiro semestre do ano. Polo que estamos traballando e estamos facendo penso que vai ser algo bonito e próximo.

Coincidiu o lanzamento de ‘Ferido’, a túa primeira canción, coa publicación da segunda temporada de ‘Respira’, serie na que interpretas a Quique. Ensináchelle aos teus compañeiros a canción antes de lanzala? 

A algún un compañeiro si que lle fun ensinando porque cando estaba rematando de rodar a segunda temporada foi cando empecei a compoñer ‘Ferido’. Dérome bo feedback e tamén me serviu para dicir “penso que isto pode soar“.

Sorprendeulles esa nova faceta túa? 

Creo que non porque xa a coñecían, pero quizais puido sorprenderlles que dera este paso porque fun un pouco discreto co tema do lanzamento. Fun ensinando pouco a pouco e creo que foi unha sorpresa para algunha xente.

É curioso porque te estreaches como cantante e ao mesmo tempo vimos o debut de Pablo Alborán como actor. Gustaríache facer unha colaboración ou cantar con el en directo?

Pablo é un mestre da música e do canto. Tiven a oportunidade de velo en directo e é moi bestia o que fai. Claro que me encantaría porque o admiro moitísimo pero penso que xogamos en ligas distintas.

Poderías facer de teloneiro nalgún dos concertos da súa xira.

Molaría moitísimo, pero penso que non depende tampouco de Pablo. Ten un equipo enorme e unha plataforma enorme en correspondencia co fenómeno musical que é.

Todo apunta a que vai haber unha nova temporada de ‘Respira’. Podes contarnos algo? 

Ogallá que si. Sei que a xente está agardando por esa noticia e nada desexaríamos máis que facelo. ‘Respira’ é unha serie que, ademais de ser moi entretida, toca certos temas sociais que nos repercuten a todos como a sanidade pública. É unha serie moi divertida de facer. Estou desexando que Netflix se anime a facer outra temporada e que sigan contando conmigo.

Que che gustaría que lle pasase ao teu personaxe, a Quique?

Gústame sorprenderme. Esta segunda temporada, sen facer spoilers, rematou dunha forma un tanto complicada para el e non sei como se pode resolver a nivel guión. Penso que igual é o momento da redención do personaxe. É un tío hipercarismático e boa xente, pero hai un problema de fondo en canto a consumo de drogas. Creo que igual un momento de pausa, de darse conta do que lle está a pasar, sería interesante.

Hai algunha outra serie ou película na que che poidamos ver próximamente?

Pois agora estou rodando en Vigo unha serie que se chama ‘Ágata y Lola’ que supoño que estará dispoñible en Atresplayer ao longo do ano e non sei se a van poñer en Antena 3. Con iso estou agora mesmo, mais coa faceta de músico.