
A artista fálanos da evolución do seu proxecto musical desde que se deu a coñecer en Operación Triunfo 2018
Sabela está de xira co seu último EP ‘Bríllanche os olliños’ (2025), o seu primeiro traballo íntegro en galego. O traballo inclúe seis cancións escritas por ela mesma e producidas coa colaboración de Ed is Dead.
A artista recoñece que tras participar en Operación Triunfo 2018, programa no que se deu a coñecer, decidiu experimentar na busca do seu son e apostou por producir as súas propias cancións. Considera que con este EP a xente xa a sitúa como artista.
Falamos con Sabela da súa música, de Operación Triunfo e dos seus directos. As súas próximas actuacións serán o 18 de xullo no festival Aturuxo de Ourol e o 29 de agosto no festival da Luz de Boimorto.
Entrevista a Sabela
Estás presentando en directo o EP ‘Bríllanche os olliños’. Que fai que che brillen os olliños?
Moitísimas cousas, pero sobre todo cousas cotiás como pasear cos meus animaliños, estar tranquilamente lendo fóra. pasar tempo coas miñas amigas… Sobre todo ter tempo creo que é o que me fai brillar os olliños.
Este é o teu primeiro EP íntegro en galego. Que foi o que te motivou a dar este paso?
Eu sempre compuxen tanto en galego como en castelán non é algo que force nin moito menos, simplemente que para falar destas cousas que me facían brillar os olliños expresábame máis cómodamente en galego. Simplemente saíronme así os temas. Podía haber cancios en castelán tamén pero non entraron porque non vía que tiveran que estar.
Ademais de ser autora de todas as cancións tamén te involucraches na produción. Como foi o proceso de creación do EP?
Desde que descubrín a producción musical sinto que teño máis espazo para explorar sons e formas de compoñer porque teño máis recursos a nivel sonoro. É certo que moitas veces foi complicado porque pasas moito tempo soa e houbo momentos moi duros. Tiro moito de xente como Edu, que tamén me axudou en moitas produccións e mezclou o EP. É unha persoa na que confío plenamente. Tiro moito de que alguén escoite o que estou facendo porque moitas veces pensas que vai mal e ao final non porque estás tanto tempo con ese tema ou eses sons que é complicado.
Houbo algunha canción que vos resultara complicada de escribir ou producir?
Das máis complicadas diría que foi ‘A quen ignora’. De feito, o retrouso ten un patrón rítmico moi concreto. Tiña unha presión con este tema porque quería que quedase ben, que fose un pouquiño ecléctico, pero sen perder esa onda pop.
Moita xente coñecerate pola túa participación en Operación Triunfo 2018 e tes moi boa relación con compañeiras da túa edición e de feito neste EP hai unha canción con María Escarmiento e outra na que África colaborou na composición. Como xurdiron estas colaboracións e por que elas?
Admiro moitísimo ás miñas amigas como artistas, compositoras, creadoras e teño a sorte de estar rodeada de persoas moi talentosas e que valoro moito. Que mellor que unha amiga para explorar algo tan íntimo como é a música ou a arte e crear. Propúxenllo e elas encantadas porque é pasar tempo xuntas e encima crear.
Este ano é o 25 aniversario de Operación Triunfo. Recibiches xa o convite para a celebración?
Non, ainda non recibín o convite, pero dixéronnos que íamos recibilo. Invitádeme que eu vou encantada da vida.
Comentabas nalgunhas entrevistas que cando saiches do programa sentías que estabas perdida polo descoñecemento da industria. Que consello lle darías a esa Sabela recén saída de OT?
O consello máis típico pero máis difícil de asumir é a paciencia. Todo ten que irse colocando porque ao final saes dun lugar que non é o que che vai pertencer a ti na túa carreira. Foi moi complicado o inicio porque ao final o que queres é sair, cantar, facer as túas cancións. Tes tamén un nivel de exposición que non se corresponde co nivel de presuposto e capacidade que ten o proxecto e é moi difícil equilibrar esas dúas cousas. A expectativa é moi alta e os medios non son tan altos. O consello sería ter paciencia e ser boa cunha mesma, non exercer demasiada presión sobre ti porque xa todo exerce demasiada presión.
Sentes que atopasches xa o teu oco na industria?
Si, eu creo que agora con este EP como que se consolidou un pouquiño máis o son e todo o mundo sitúame mellor. Ao saír de programas como OT a xente sitúate en OT pero non como artista a nivel sonoro. Eu saín e explorei porque queria explorar a ver como queria soar, entón agora estou xa nun momento no que a xente me sitúa como artista.
Tes por diante uns cantos concertos. Que se vai atopar a xente que vaia verte en directo?
É un directo moi ‘cañero’. A xente pensa que son unha persoa tranquilísima e non (risas). É moi dinámico porque eu adoro tamén as texturas, traballar coas voces… Hai momentos como máis expresivos e outros máis de saltar. Hai un pouco de todo porque creo que a música ten que mover todo iso. Non podes estar todo o tempo a tope.
